31.3.25

Aniversario Lector_Ángela 3°

Día de Aniversario Lector na nosa aula. Nesta ocasión para celebrar que Ángela fai 9 anos. Achegouse o pai para compartir un conto con tod@s nós. Grazas por vir e...MOITOS PARABÉNS, ÁNGELA!






27.3.25

1º-2ºA-2ºB/3º_Coñecendo a... Photon Robot!

O alumnado de 1º, 2º e 3º de primaria, grazas ao orzamento do Programa Innova, coñeceu e experimentou con Photon Robot, un novo recurso da nosa biblio creativa.

Da man de Flor, de Maker Store by Allknow de Carballo, programaron a Photon Robot para chegar a diversas emocións que foron descubrindo mediante un relato contado.

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Seguimos ampliando recursos e formación en programación e intelixencia artificial para mellorar o ser e o saber... facendo!

26.3.25

1º-2ºA_Saída a Mens e San Adrián

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

As aulas de 1º e 2ºA realizamos unha saída a Mens e ao cabo de San Adrián de Malpica.

Unha xornada en contacto coa natureza, aproveitando o bo tempo despois de tantos días de chuvia, para celebrar a chegada da primavera, capturar imaxes para o Galicómic de 1º e gravar as pezas audiovisuais do DichoLeo de 2ºA.

Encantounos xogar e correr entre as flores, buscar minerais por San Adrián e mesmo ver algún barco faenando cerca das Illas Sisargas.

Un privilexio vivir e educarnos no rural, gozando da natureza e da paisaxe!

25.3.25

1º-2º-3º_Visitamos a Radio Galega e o Museo de Historia Natural

No día de hoxe as aulas de 1º, 2º e 3º de primaria visitamos a Radio Galega, grazas ao premio do VI Concurso de Podcasts-Radio na biblio que o pasado curso acadou o alumnado de 6º de educación infantil e que este ano cursa 1º de primaria.

Unha visita na que asistimos, en directo, ao programa "Galicia por diante" presentado por Kiko Novoa e Cristina García. Premendo no seguinte enlace poderedes escoitar, a partir de 1 hora e 48 minutos, a participación do noso cole:

Unha experiencia de radio en directo que nos encantou, así como poder coñecer as instalacións da CRTVG, que este ano celebra o seu 40 aniversario, e ao persoal que tan amablemente nos acolleu e ata nos despediu con agasallos: bolsa de tea... con libro incluído!

Ao tempo, aproveitamos a saída a Santiago de Compostela para visitar o Museo de Historia Natural da USC que foi un peche de xornada fantástico porque a tod@s nos marabillou o que vimos: animais, minerais, plantas...

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Unha saída a do 2º trimestre... do máis radiofónica e natural!

19.3.25

Aniversario Lector_Alexia 3º EP

Alexia estivo de aniversario fai uns días e recibimos na nosa aula aos seus pais e á súa irmá, Uxía, e nos leron uns chistes moi graciosos cos que nos rimos moito. Gracias por vir!

Moitos parabéns Alexia polo teu 9º aniversario! 






14.3.25

1º e 2ºA_Semana da Muller: Pandereteiras de Mens

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Atendendo á proposta de actividades anuais, as aulas de 1º e 2ºA realizamos a biografía das Pandereteiras de Mens para o mural de centro celebrando a Semana da Muller 2025.

Unha biografía que nos achegou ás Mulleres homenaxeadas o Día das Letras Galegas 2025: cantareiras e pandereteiras; cantando, contando, xogando na páxina web da Real Academia Galega:

Aprendizaxes cargadas de poesía popular oral, de Mulleres pioneiras que co seu tocar e cantar conservaron a nosa tradición para legarnos todo o seu saber e sentir.

Feliz Día da Muller 2025!

2ºA_C@ntando en Radio Balea

Presentamos o podcast que gravamos en Radio Balea, grazas a colaboración de Suso, María e Tania, dentro do programa Millainforma e conmemorando o Día da Muller e Letras Galegas 2025.

Un produto final onde recollemos a información que transformamos en coñecemento ao redor da poesía popular oral, das cantareiras e pandeireteiras, especialmente das nosas Pandereteiras de Mens.

Esperamos que vos guste, nós divertímonos aprendendo!

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

8.3.25

2ºA_Día da Muller: Pandereteiras de Mens

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Hoxe conmemoramos o Día Internacional da Muller e na aula de 2ºA seguimos informándonos para redactar a biografía de cinco mulleres que abriron camiño a moitas outras co seu tocar e cantar, falamos das Pandereteiras de Mens.

Desde o Día de Rosalía ata o noso Mes das Letras, as Pandereteiras de Mens forman parte das actividades que desenvolvemos: recolleita de poesía popular oral, coñecer e cantar o "Maneo de Mens", organizar, coa axuda da nosa titora, toda a información para crear coplas e regueifar, tal como podedes ler na imaxe.

Actividades que nos permiten valorar e concienciarnos da importancia de coidar o noso patrimonio oral, a nosa lingua, e sentirse orgullos@s do legado que nos deixaron as nosas...

PANDERETEIRAS DE MENS

MULLERES PIONEIRAS,

de puño e sentimento.

6.3.25

2ºA_Visitas especiais: poesía popular oral

Ao longo do mes de febreiro tivemos dúas visitas/colaboracións moi especiais: familias da nosa aula.

A familia de Catuxa, Suso e María, viñeron ensinarnos a cantar "Maneo de Mens" que inclúe unha das coplas que forma parte da recolleita de poesía popular oral realizada entre as nosas familias. Despois de practicar letra e ritmo subimos a Radio Balea a gravar todas as coplas.

Ao tempo, recibimos a visita de Tania, nai de Borja, acompañada de Belén, as dúas integrantes de A.C. Malante de Malpica de Bergantiños. Tania e Belén déronnos moita información sobre o tocar e cantar bergantiñán, así como se animaron a cantar coa estrea das nosas pequenas pandeireteiras.

Experiencias significativas e do máis produtivas para desenvolver a tarefa integrada que estamos a implementar este trimestre: Así vivimos!; e tamén dar tratamento o Día de Rosalía, o Día da Muller e o Día das Letras Galegas 2025.

2ºA_Así vivimos! de Fátima Romero Olveira

Grazas infindas a Suso, María, Tania e Belén por legarnos o seu saber e a súa solidaria colaboración.

3.3.25

Un entroido cheo de cor e sabor!_2ºB/3º EP

O xoves 27 de febreiro o noso cole enchíose de cores para festexar o entroido. Foi unha xornada moi divertida na que aproveitamos para ir ao Laboratorio de cociña a preparar unhas saborosas pizzas. Despois pasamos pola Aula Croma a sacarnos fotos. 
Podedes ver un resumo do día neste vídeo que preparamos. 

Que teñades moi feliz entroido!