5.6.26

Casa do Queixo

Este mércores fixemos unha saída a Casa do Queixo, un espazo privilexiado para aprender da natureza dun xeito vivencial.

Dende a nosa chegada, tiñan preparadas para nós varias actividades que nos permitiron descubrir moitas curiosidades sobre o mundo que nos rodea. Comezamos participando nun obradoiro de elaboración de queixo, onde puidemos coñecer de preto todo o proceso e converternos por un intre en auténticos artesáns e artesás.

                                                           

Tamén participamos en diferentes xogos tradicionais, nos que puxemos a proba a nosa puntería. Entre todos eles, o maior reto foi o xogo da ra, que resultou máis complicado do que parecía!

Ao longo da mañá tamén aprendemos moito sobre os animais da nosa contorna e as pegadas que deixan ao seu paso. Entre moitas curiosidades, descubrimos o que son as egagrópilas, bólas formadas por pelo, ósos e outros restos que algunhas aves expulsan despois de alimentarse.

           

Un dos momentos máis agardados era a xincana de auga, pero non puidemos levala a cabo porque o tempo non nos acompañou. No seu canto, propuxéronnos realizar un roteiro pola contorna. Durante o percorrido ensináronnos que, observando os pequenos seres vivos que habitan nun río, podemos saber se está limpo ou contaminado. Mesmo tivemos a oportunidade de meternos nun pequeno regato para comprobar se atopabamos algún deles.

               

Finalizamos a xornada xogando un pouquiño no parque, poñendo o broche final a unha mañá chea de novas experiencias. Sen dúbida, un día para lembrar! 


Podedes encontrar as imaxes na seguinte ligazón: Saída a Casa do Queixo

 



26.4.26

LECTURA NA RÚA

O pasado martes da semana pasada celebramos a nosa particular Semana da Lectura dun xeito moi especial. Decidimos saír das aulas e levar a lectura ao aire libre, convertendo a praia no noso espazo de encontro cos libros.

Cada un de nós trouxo o seu libro favorito, e xuntos gozamos dunha xornada tranquila, escoitando o son do mar mentres nos mergullabamos en historias cheas de aventuras, emocións e aprendizaxes. Foi unha experiencia diferente e moi enriquecedora, que nos permitiu descubrir o pracer de ler nun contorno natural.

Ademais, para repoñer forzas (que a costa de Canido non se sube e se baixa soa...), preparamos previamente na cociña unha merenda saudable, que logo compartimos todos xuntos. 

Para rematar a mañá, tamén tivemos tempo para xogar un anaquiño na praia, rir e desfrutar en compañía dos nosos compañeiros e compañeiras.

Sen dúbida, foi unha xornada inesquecible que combinou lectura, convivencia e diversión, e que agardamos repetir moi pronto.



Podedes encontrar as imaxes na seguinte  ligazón: Lectura na rúa

27.3.26

REMATOU O 2º TRIMESTRE!

O segundo trimestre chega ao seu fin e, con el, despedímonos dun período cheo de aprendizaxes, descubrimentos e moita ilusión. Estes meses foron moi intensos e estivemos a facer un montón de actividades tanto dentro como fóra da aula.

Un dos momentos máis especiais foi a nosa excursión ao Museo de Belas Artes da Coruña, onde tivemos a oportunidade de achegarnos ao mundo da arte dunha maneira diferente. Observamos distintas obras, comentamos o que nos transmitían e deixamos voar a nosa imaxinación.


Ademais, estivemos moi implicados no GALICOMIC, que este ano dedicámolo ás sete artes. Grazas a este proxecto, exploramos o cine, a música, a pintura, a literatura… e tamén puxemos en práctica a nosa creatividade creando as nosas propias producións.

Outra das actividades que máis nos gustou foi a gymkana que organizamos para investigar sobre diferentes mulleres galegas referentes no mundo das artes. A través do xogo e do traballo en equipo, fomos descubrindo figuras moi importantes e aprendendo a valorar o seu labor.



Para rematar, tamén creamos o noso propio libro de animais galegos. Investigamos, escribimos e ilustramos, facendo entre todos un traballo colectivo do que estamos moi orgullosos e orgullosas.


Sen dúbida, foi un trimestre inesquecible, cheo de momentos para lembrar. Agora toca descansar e coller forzas para seguir aprendendo e medrando xuntos!




10.2.26

Canción do Entroido!

Esta será a canción coa que o alumnado de 2º fará o desfile do Entroido. 

VAIA MARCHA!