28.10.22
1º e 2º de EP - Experiencias Sensoriais no Samaín
Bo día a todos e a todas!
Hoxe, para conmemorar o Samaín, o alumnado de 1º e 2º de EP visitamos a aula sensorial para realizar varias actividades relacionadas con esta festividade: baleirado de cabazas, pantasmas de flocos de millo, escenas terroríficas creadas con pezas imantadas, pocións, pintado de cabazas…
Queres ver as imaxes? Pica na seguinte fotografía.
27.10.22
Un Samaín para comelo_1º de Primaria
O alumnado de 1º de Primaria pasou hoxe polo laboratorio de cociña para elaborar dúas receitas moi acaídas para estos días: ovos recheos con arañas e sandwich mostruoso.
Anteriormente escribimos as receitas cos ingredientes e materiais necesarios así como os pasos que debíamos seguir para a súa elaboración.
Deixámosvos algunhas imaxes desta actividade.
Preme na imaxe para acceder á galería
25.10.22
2ºEP - O monstro das Sisargas
Boas a todos e a todas!
Este curso abrimos o blogue co Samaín e coa XIII Semana das Lecturas Terroríficas.
Ao longo destas semanas vimos preparando un Kamishibai dun conto de produción propia baseado no libro Onde viven os monstros de Maurice Sendak.
Despois de adaptar o texto, realizar as ilustracións e montar o Kamishibai, creamos a historia “Os monstros das Sisargas”, e hoxe, na hora de ler presentámolo diante de todos os nosos compañeiros e compañeiras da man de Martina e Rita.
Aquí tendes unhas imaxes.
O HOME DO SACO_1º de Primaria
Hoxe dou comezo a XIII semana das Lecturas Terroríficas na nosa Biblioteca Escolar e a aula de 1º de primaria presentou un video que vos amosamos a continuación.
Fixemos unha adaptación do conto O home do saco de Enric Lluch.
Preme na imaxe para acceder ao vídeo
7.10.22
Que me contas? 1º de Primaria
O pasado 3 de outubro a biblioteca escolar abríu un curso máis as súas portas. Era un día esperado por todo o alumnado do centro.
Esta imaxe corresponde ao primeiro día no que os nenos e nenas de 1º elexían un conto para levar as súas casas e compartir coas súas familias durante unha semana. Esta actividade enmárcase dentro do programa de animación á lectura QUE ME CONTAS?
A cova na que se refuxian para ler é a estrutura de vimbio que fixemos o curso pasado entre todo o alumnado do centro, coa participación tamén das familias que poideron e quixeron achegarse.
23.9.22
Novos proxectos, novas ilusións_1º EP
Comezamos un novo curso escolar e con él novas ilusións e novos proxectos. O alumnado de 1º de primaria atopou fai uns días un insecto moi peculiar no patio que lles chamou moito a atención resultando ser unha mantis relixiosa.
Alexia tamén nos trouxo ao colexio unha bolboreta morta dentro dun frasco transparente e aproveitamos para observala cun microscopio.
Estas dúas anécdotas animounos a investigar e aprender máis sobre o mundo dos insectos. Amosamos algunhas da fotos do traballo que estamos a desenvolver estos días.
Pica na imaxe para acceder á galería.
16.6.22
6ºEI - 1ºEP - 2ºEP - Saída ao MUNCYT
Boas a todos e a todas!
Na xornada de onte realizamos a visita que tiñamos prevista ao MUNCYT de A Coruña.
Nada máis entrar recibíronnos cunha avioneta colgada sobre as nosas cabezas, aspecto que nos sorprendeu e que nos fixo ver que a visita nos ía gustar. Unha vez dentro...non defraudou! Puidemos ver diferentes utensilios e máquinas na sala do Século XX (unha das primeiras televisións, unha das primeiras lavadoras, o primeiro ordenador, motos, coches, as partes dun avión real...) e o que máis nos gustou: puidemos entrar dentro dun avión e visitar a cabina do piloto! E non era un avión calquera, este avión era o máis grande daquela época e foi moi importante porque nel viaxou o Guernica de Picasso desde Nova York ata Madrid no 1981.
Para finalizar a nosa visita, desprazámonos ata a Torre de Hércules para merendar, aínda que a brétema nos dificultou un pouco poder gozar das vistas.
Preme na imaxe para ver máis fotografías da visita.
2ºEP - Retos no Leolab
9.6.22
Retos no LEOLAB. 6º EI/1ºEP
Hoxe volvemos visitar o LEOLAB porque nos quedaron moitos RETOS pendentes de facer e tiñamos moita curiosidade.
Grazas ao Equipo de Ideas do cole por tan boa iniciativa.
Estas son algunhas das imaxes do día.
7.6.22
6ºEI - 1ºEP - 2ºEP - Saída ao Centro de Artesanía e Tradición (CAT)
Boas a todos e a todas!
No día de onte realizamos a visita ao Centro de Artesanía e Tradición de
Buño. Alí, ensináronnos a sala “Non canto por cantar”, inaugurada recentemente.
Nela, reúnense imaxes, traxes… da historia da música e do baile do municipio.
Ademais, tamén puidemos visitar unha sala dedicada á pesca, onde vimos as artes de pesca, as embarcacións, a evolución nos utensilios empregados para faenar... e outra dedicada ao
barro (como se consegue o barro, utensilios empregados, o forno...).
Velaquí tendes unhas imaxes da saída. Pica na imaxe para poder velas.
2.6.22
Xogo 3R - Choiva de tapóns
Boas a todos e a todas!
Este mes levamos a cabo a proposta do Equipo Creativo para o Laboratorio de Ideas: a creación dun xogo a partires de materiais de refugallo. Unha proposta enmarcada dentro da conmemoración do Día do Medio Ambiente.
Para a realización do noso Xogo 3R comezamos facendo unha pequena indagación nos libros da nosa Biblioteca e traballando o texto instrutivo na área de Lingua Galega. Ademais, aproveitando que na área de Matemáticas estabamos traballando os corpos xeométricos, aprendemos a montar o noso propio cubo, creando así o dado para o noso xogo: Choiva de tapóns.
Picando na seguinte imaxe poderedes ver as fotografías do proceso.
1.6.22
Retos no LEOLAB_1º Primaria
Fai uns días visitamos o LEOLAB e atopamos unha serie de retos aos que nos tivemos que enfrontar por equipos. Os retos escollidos xiraban arredor da xeometría e fomos quen de superalos todiños.
Queda pendente pasarnos outro día para realizar outros retos que preparou o Equipo de Imaxe.
Prema na imaxe para entrar na galería.
30.5.22
TOUPICIENCIA SHOW
A pasada semana, o alumnado de 4º E.Infantil a 2º de E. Primaria disfrutou na biblioteca dun espectáculo moi divertido da man de Toupiciencia e o seu axudante Petronio.
Realizaron experimentos que nos achegaron ó método científico de forma dinámica e facendo maxia, xa que a súa labor é ir polos coles buscando ós futuros científicos e científicas.
Foi unha actuación espectacular onde o pasamos xenial, Moitas grazas ó Consorcio por traer á Xanela do Maxín ó noso centro!!!!
19.5.22
Malpica, vila baleeira
Hoxe foi unha día especial de cole xa que os nenos e nenas de 6º de Infantil e 1º e 2º de Primaria fomos de excursión á vila de Malpica. Camiñamos ata o mirador privilexiado da atalaia para coñecer parte da nosa historia da man do mestre xubilado Xurxo Alfeirán.
Seguimos deste xeito mergullándonos no PDI deste curso_NÓS: patrimonio in-MATERIAL.
En Malpica, fai 300 anos aproximadamente, cazaban baleas que pasaban pretiño da nosa costa, tras as illas Sisargas. Derretían a graxa para fabricar saíl que era un tipo de aceite que servía para o alumeado das casas e rúas. A graxa tamén servía para a fabricación de xabón e o curtido de peles.
Aprendemos vocabulario novo como talieiro, arpoeiro, mareante, chalupa, motila, saíl...
Tamén visitamos a Casa do Pescador, actual Fogar dos pensionistas, onde vimos os cadros, lámparas e outras obras que o pintor Urbano Lugrís deixou no seu paso por Malpica, fai máis de 60 anos.
Nun deses cadros aparece escrito un texto que fai referencia ao pasado baleeiro da nosa vila
En tempos, os fortes
homes de Malpica cazaban a balea por lonxanos mares.
Picando nesta imaxe podedes ver máis fotos desta xornada.























