Queridos/as
nenos/as e familias:
Os/as
mestres/as tamén estamos na casa, os/as mestres/as tamén somos pais/nais, os/as
mestres/as tamén temos familias, os/as mestres/as somos uns/unhas máis das
moreas de persoas que debemos quedar na casa nesta cuarentena que nos toca
vivir.
Hoxe
sabemos que a obriga de QUEDAR NA CASA vaise alongar, polo que queremos que
teñades presente que seguimos aquí: ao outro lado da rede, a través do correo picarosmilladoiro@gmail.com e o
noso blogue www.picarosmilladoiro.blogspot.com,
porque queremos que saibades de nós, porque queremos saber de vós (como
estades, que facedes, como levades estar na casa…)
As
tarefas escolares, nestes momentos que estamos a pasar, non son o máis
importante. O realmente importante é que nos coidemos e coidemos dos demais
quedando na casa, como superheroes e superheroínas con capa vermella pois xa
temos aos superheroes e as superheroínas con capa verde nos hospitais, nos
laboratorios, nas carreteras transportando o que precisamos, nos supermercados
e pequenos comercios de alimentación, nas rúas velando pola nosa seguridade…,en
definitiva fóra das súas casas para que nós os das capas vermellas poidamos
quedar na casa.
Non
esquezades que o que vaiamos publicando no blogue, a parte da pestana de
recursos de 1º e 2º que serve para repasar contidos, ten como finalidade darvos
ideas para o día a día, NON SON DEBERES, NON SON TAREFAS PARA AVALIARVOS son propostas,
axudas para ocupar o noso tempo diario e seguir imaxinando, creando e crecendo
en corpo e mente. Sempre dentro das vosas posibilidades, pois sabemos que non
todos contades cos medios tecnolóxicos para poder acceder aos contidos. Por
iso, pedimos as familias que teñan contacto con outras familias que non conten
cos recursos, que ofrezan a súa axuda a
través dos medios dos que dispoñan (grupos de wasap ou outros medios non
presenciais, pois debemos evitar todo contacto con outras persoas alleas as nosas
casas)
Organizamos
o blogue para que nas pestanas superiores piquedes e accedades rapidamente a
aquelo que vos interese ver. A primeira pestana e a máis importante é a nomeada
como NÓS, nesta páxina iremos publicando, coa vosa autorización, todo o que nos
enviedes ao correo (imaxes de actividades feitas, audios, escritos…) porque vós
sodes os protagonistas do voso blogue.
Como
mestres/as querémosvos pedir que sexades felices cada día, dende que espertamos
ata que nos deitamos. Recordade espertar cada mañá cun sorriso que vos encha de
felicidade a vós e aos vosos.
A
normalidade voltará, e con ela veremos que saímos da casa máis fortes ca nunca.
Forza
superhéroes e superheroínas de capas vermellas e recordade cada día un sorriso,
este será o noso superpoder.
TODO SAIRÁ BEN!
Apertas
agarimosas e biquiños mil dos/as vosos/as mestres/as de 1º e 2º.
Ningún comentario:
Publicar un comentario