31.1.22

6º EI - 1º EP - 2º EP - Laboratorio de Imaxe e Día da Paz

Boas a todos e a todas!

Neste mes de xaneiro desenvolvemos o laboratorio de imaxe. Nesta ocasión, leváronse a cabo unhas actividades relacionadas co Día da Paz e co noso PDI, "Nós: Patrimonio Inmaterial". 

Todos os nenos e nenas de 6ºEI, 1ºEP e 2ºEP foron os encargados/as de investigar sobre un personaxe moi importante, e moi descoñecido para algúns, como é Pedro Cambón (despois coñecido por Pedro Benito Cambón).

Pedro Cambón nace en Seaia a mediados do século XVIII. En 1769 parte cara as Américas, e chega a fundar, na Misión de San Francisco de Asís, a primeira edificación en San Francisco (1791, California), converténdose nunha das primeiras pedras da cidade e no edificio máis antigo que aínda se conserva. 

Este laboratorio tivo 3 partes:

  • Escape room polo centro: coa axuda da profe María, a nosa especialista en Audición e Linguaxe, os nenos e nenas mergulláronse nun escape room, converténdose así, en pequenos investigadores cunha misión: descubrir quen era o personaxe que deberían investigar posteriormente e cal era o lugar ao que emigrou, neste caso, Pedro Cambón e San Francisco.
  • Visita de Adrián Abella: ademais, o pasado venres, tivemos a visita de Adrián Abella, veciño de Malpica, quen levou a cabo unha investigación moi exhaustiva ao longo dos anos sobre Pedro Cambón. Gracias a Adrián descubrimos moitos datos e historias que non coñeciamos e que non poderiamos chegar a coñecer se non fose pola súa axuda. Dende aquí querémoslle agradecer a súa valiosísima colaboración!
  • Videochamada co mestre Sergio dende San Francisco: despois de investigar sobre Pedro Cambón e sobre o San Francisco de aquela época, viaxamos de novo ata a actualidade para facer unha videochamada co noso compañeiro e mestre Sergio, quen reside e dá clase actualmente en San Francisco. Nesta conexión, Sergio móstranos a Igrexa que fundou Pedro Cambón e moitas das construcións máis significativas da cidade como é o Golden Gate, a ponte máis famosa de San Francisco. Moitas gracias Sergio pola túa gran aportación dende o outro lado do charco!

E ti, sabías que a cidade de San Francisco tiña as súas raíces en Seaia?

Pica na imaxe para ver máis fotografías da actividade.



Ningún comentario: