27.3.21

Cociñando con_Ciencia. Marco 2ºEP

Ao noso compañeiro Marco tamén lle encanta cociñar e animouse a participar na actividade Cociñando con-Ciencia realizando un saboroso Quiche de queixo e tomate. Posteriormente fixemos unha videochamada para que nos contase como é a receita e nos amosase o seu resultado. 

Fíxesenos a boca auga. Non tivemos ocasión de degustalo pero de seguro que estaba riquísimo. 

Grazas Marco e familia por compartilo con todos/as nós. 





24.3.21

1º de EP - Cociñando con-Ciencia (II)

Boas a todos e a todas!

Despois de realizar a enquisa e o mural que representa os resultados da mesma, pechamos esta proposta de actividades facendo dúas visitas á cociña do noso centro.

Nunha destas visitas relacionamos a cociña coa ciencia e as matemáticas indagando e traballando arredor da medida de capacidade máis coñecida: o litro. Canta cantidade de líquido é un litro? cantos medios litros forman un litro? cantos cuartos de litro nos fan falta para ter un litro?

  

  

A seguinte visita tiña como principal obxectivo desfrutar da cociña. Porque sabemos que a cociña non é tarefa de homes nin de mulleres, senón de todos aqueles aos que lles guste! Para isto, preparamos unha deliciosas pizzas que posteriormente gozamos degustando.

   

23.3.21

COCIÑANDO con-CIENCIA_2º de Primaria

Hoxe volvemos recibir a visita da cociñeira Yara Castro, de Casa da Vasca, á que entrevistamos polo Día Internacional da Muller. Veunos impartir un obradoiro de cociña para ensinarnos como se fan as receitas da Tosta de sardiña afumada e a sobremesa Nocilla 3.0. 

Traballamos por equipos para escribir a receita da crema de queixo, da marmelada de tomate e da copa de chocolate. Traballamos con diferentes medidas de capacidade e peso, manipulamos diferentes alimentos de orixe vexetal e animal, fixemos mesturas....En definitiva, aplicamos a ciencia á cociña e despois degustamos todo o que fixemos coas nosas propias mans. 

Unha mañá intensa, chea de emocións. Grazas Yara por compartir con nós os teus saberes e  ensinarnos sobre a túa profesión!


Na primavera Leo le poesía! (e nós tamén)_2º primaria


Como todos/as sabedes esta fin de semana entrou a primavera e coincidindo con esta data celébrase cada ano o Día da Poesía. 
Hoxe tocou ir á biblioteca facer o empréstito da bolsiña viaxeira. O alumnado de 2º de primaria escoitou algúns dos poemas incluídos no libro As receitas de Isaura  ademáis de atoparse cunha selección de libros en verso que Leo, a nosa mascota, recomenda ler. 
Foron moitos os que se animaron a levar algún dos exemplares para casa porque... 
NA PRIMAVERA RESPÍRASE POESÍA! 



11.3.21

1º de EP - Cociñando con-Ciencia (I): Quen cociña na miña casa?

Boas a todos e a todas!

Aquí vos deixo unhas imaxes do resultado da enquisa que se vos realizou na casa. Quen cociña na nosa casa? A esa persoa (ou persoas) gústalle esa tarefa?

No mural podemos ver cantas nais (13) e cantos pais (7) cociñan. Ademais diso, a cantos lles gusta (pulgar azul) e a cantos non lles gusta (pulgar vermello).

Esta actividade forma parte da proposta Cociñando con-Ciencia, que relaciona a cociña, a ciencia e a figura da muller.

 


  

  

  

  

 

1º EP - Lectura e 8 M

Boas a todos e a todas!

O luns 8 de marzo foi Io Día da Muller e polo tanto, esta semana estivemos traballando con diversos contos: "Artur e Clementina" (que nos mostra que as mulleres poden decidir o que facer e o que ser) e "O libro dos porcos" (que nos ensina que as tarefas do fogar non son só cousa de mulleres). 

Ademais, aproveitando a Semana da Prensa, tamén demos a coñecer na aula o xornal mensual O Papagaio, dispoñíbel na nosa Biblioteca Escolar. Un xornal creado no 2016 por Abraham Carreiro e escrito en galego e sen publicidade. Nesta ocasión vimos o exemplar adicado ao 8 M.