23.12.11

BO NADAL!!!

Panxoliña de Nadal

Rematamos o 1º Trimestre por todo o alto: obradoiros, panxoliñas e comida navideña.
Sen esquecer que o martes visitáronnos os Reis Magos: Melchor, Gaspar e Baltasar, aos cales lles entregamos as nosas cartas (as fotos podedes velas picando aquí: Biblioteca do Milladoiro).
E agora, a gozar dunha fermosa panxoliña cantada polos pícar@s de 2ºA coa compaña de "Ratimago".

4.12.11

Ecomuseo Forno do Forte

O Ecomuseo Forno do Forte, situado en Buño, foi a nosa saída do 1º Trimestre.
Gozamos moito traballando co barro e Lola ensinounos a facer canoas e cestos.
Paco amosounos o museo e a olería típica de Buño (cuncas, escudelas, xerras, botixos, etc.).
Grazas Lola e Paco polo voso bo facer e pola vosa agarimosa acollida.



28.11.11

Érase unha vez un colexio...

Así comeza a presentación de Nadal, en formato dixital, que o CEIP Milladoiro remitiremos ao concurso convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Cada aula, conxugando a felicitación co conto clásico elexido, elabora un debuxo coa palabra que identifica o seu relato.
Como nós eleximos "O frautista de Hamelín" a nosa palabra é: MÚSICA.
Cada pícaro elaborou o seu propio debuxo e hoxe pola mañá xuntamos todas as ideas. Clasificamos os elementos que máis nos gustaron de cada debuxo e refundímolos nun só.
O resultado salta á vista: Hamelín, a montaña Poppenberg, o río Weser, o frautista, os ratos e a gran frauta que produce unha MÚSICA hipnotizadora.

13.11.11

Magosto 2011

Este Magosto puxémonos as botas!!! Vimos "La verdadera historia del Gato con Botas", comemos castañas a fartar e rematamos enzoufados ata as orellas. Mirade, mirade que limpiños comezamos o día e como rematamos!!! Gozamos moitísimo do Magosto!!!


3.11.11

"Samaín" de Mamá Cabra

Hoxe celebramos o SAMAÍN que noutros sitios lle chaman Halloween!!!
Os pícaros de 2ºA cantamos para espantar o medo nestas datas tan terroríficas e arrepiaaaanteeessss!!!


2.11.11

"O frautista de Hamelín"

"O frautista de Hamelín" é o conto escollido pola aula de 2ºA dentro do Proxecto Documental Integrado: "Cantos contos contas ti?"
Ao longo do curso faremos diferentes traballos para profundizar máis neste gran conto popular. En canto teñamos os primeiros traballos publicarémolos no blogue e no blogue adicado a este gran proxecto, que atoparedes na lista de blogues co nome: Cantos contos contas ti?
Na pestana superior "Contos" atoparedes un enlace para traballar o conto.
Mans á frauta que chegan os ratos a Hamelín e queda moito traballo por facer!!!

27.10.11

Canción "Samaín"

Co gallo da celebración do Samaín, a semana que vén, cantaremos na Biblioteca a canción de Mamá Cabra "Samaín".
Como quedan uns días de descanso por diante, antes de actuar, podedes practicala na casa.Todos a cantar e bailar que chega o Samaín!!!

24.10.11

Que me contas?

A semana pasada botamos en marcha un novo proxecto: Que me contas?
Coma a mestra non coñece todos os libros da biblioteca escolar, cada semana levamos un libro para casa co fin de lelo moi ben e reflexar o seu contido nunha pequena ficha; deste xeito axudamos á mestra e melloramos a nosa lectura e escritura.
Ao longo do curso iremos coñecendo moitos libros, pero o máis importante e que deixaremos voar a nosa imaxinación en cada unha das páxinas que vaiamos lendo. Como di a canción de Migallas "Imaxínate voando nunha pomba, imaxínate cruzando o ancho mar, imaxínate cun can saltando á comba, imaxínate nunha nave espacial!"

eeivagalume.blogia.com

1ª Semana da froita

Xa conseguimos o noso primeiro diploma por comer froita ao longo de toda a semana pasada. O luns tivemos uvas e mandarinas, o martes batido de plátano e laranxa, o mércores brochetas de froita variada, o xoves froitos secos e o venres macedonia. Vaia semana, como nos puxemos!!!
Aínda que non todas as froitas nos gustaban, fixemos un esforzo por probalas e así acadar o noso primeiro diploma.
Xa estamos desexando que chegue o 2º Trimestre para gozar doutra semana de froita, moita froita!!!

13.9.11

Xa estamos en 2º

Comezamos un novo curso, 2ºA, cun novo compañeiro: Hadrián. Así que agora xa somos vinte, sen esquecer á mestra e a nosa mascota que este verán mudou de Pepito a Pepita.
Si, o verme Pepito converteuse na bolboreta Pepita. Onde vexades a Pepita alí estará a aula de 2ºA.
Ao longo do curso iredes sabendo de nós, do que aprendemos e argallamos día a día no CEIP Milladoiro.

22.6.11

VAIA FIN DE CURSO!!!

Os pícaros do Milladoiro non temos palabras para expresar o ben que o pasamos hoxe, por iso colgamos as fotos; xa que unha imaxe vale máis que mil palabras.
Grazas ao Concello de Malpica e a ANPA do Milladoiro tivemos o mellor punto e final para este curso que xa rematou.
Saltamos nos inchables, fixemos abelorios varios, pintamos e decoramos pedriñas, agasalláronnos con globos e merendamos por todo o alto.
Só nos queda dicirlles aos responsables da organización desta gran festa de fin de curso 2010/11:
GRAZAS!!!


18.6.11

Receitiñas Riquiñas

Recén saído do forno chega o libro de cociña "Receitiñas Riquiñas" dos pícaros de 1ºA.
Un placer para os 5 sentidos cada unha das receitas, que con moito cariño, foron elaborando ao longo do curso os pícaros e as pícaras.

14.6.11

O tren do tempo

O noso tren está chegando á última estación: FIN DE CURSO!!!
Aínda nos quedan últimas novas que publicar, así que non vos perdades as entradas finais.
Polo de agora, deixámosvos o noso tren do tempo no cal viaxamos ao longo do curso polas catro estacións, os días da semana e os meses do ano.

2.5.11

Padriños lectores

Hoxe, celebrando o Día do Libro, gozamos moito cos nosos padriños e madriñas lectores. A todos nos gustaron moito os contos escollidos polos padriños!!!
Os pícaros de 1ºA queremos dicirlle aos nosos padriños e madriñas de 6ºA e 6ºB
                  GRAZAS!!!



4.4.11

Próxima saída

O vindeiro xoves 7 de abril visitaremos o Centro de Interpretación de Xogos Tradicionais "Brinquedos", que se atopa no CEIP Mosteiro de Caaveiro-A Capela e remataremos a saída na Casa do Mel en Goente.
Ademais de xogar, tamén teremos a oportunidade de visitar o "Museo do Xoguete" que teñen no propio centro e que podedes ver no seguinte vídeo.

12.3.11

3.3.11

Caretas de Entroido

Os pícaros de 1ºA rematamos as nosas caretas de árbores e flores.
A que non nos quedan nada mal????


6.2.11

Semana da Froita

Mañá comeza a "Semana da Froita" do 2º trimestre.
No 1º trimestre os pícaros de 1ºA obtivemos un diploma por comer moita froita, pois sabemos que a froita axúdanos a medrar sans e fortes.
A comer moita froita para conseguir o noso segundo diploma!!!!

1.2.11

Día da Paz

O venres 28 de xaneiro celebramos o Día da Paz.
Os pícar@s de 1ºA cantaron e interpretaron, con coreografía incluída, unha canción infantil da República do Congo.
Ademais da canción tamén traballamos, ao longo de toda a semana, o valor da amizade chegando a pequenas conclusións que ese mesmo día, pola tarde, expresaron en público diante de todos os compañeiros do colexio.
E rematamos de festexar o Día da Paz  cantando, todo o colexio a unha, "Somos el mundo".
Accederedes aos vídeos picando nos seguintes enlaces.

Canción 1ºA