30.11.20

1º de EP - Laboratorio científico (Auga Viaxeira)

Boa tarde a todos e a todas!

Este ano os laboratorios científicos vanse desenvolver e organizar dunha maneira distinta aos anos pasados, xa que este curso nos temos que axustar ao protocolo Covid-19. Polo tanto, durante este curso imos adicar cada mes a un laboratorio en concreto, comezando así polo Laboratorio Experimental. 

Nesta ocasión, realizamos un experimento chamado Auga Viaxeira, o cal está relacionado coa plantación de castiñeiros que fixemos anteriormente (podedes atopar as fotos neste blog ou na galería de imaxes do centro). 

Para levar a cabo este laboratorio, seguimos o método científico, xa que estes nenos e nenas están feitos todos uns científicos profesionais! 

1 - Partimos dun problema inicial: como sobe a auga que metemos na terra dos nosos castiñeiros ata toda a planta? 

2 - Para intentar resolver esta dúbida, establecemos unhas hipóteses iniciais facendo unha choiva de ideas sobre como sucede isto e sobre como poderíamos realizar o noso experimento. 

3- Despois disto, acudimos á biblioteca para realizar unha procura de información en libros científicos.

4- Seguimos co razoamento, á posta en práctica do propio experimento e ás conclusións finais. 

5- E, como en toda investigación e indagación científica, unha parte moi importante é a divulgación dos resultados do estudo, polo tanto aquí tendes os nosos:

A auga viaxa dun vaso ao outro grazas a un fenómeno chamado Capilaridade. A acción capilar é a capacidade dun líquido para fluir cara arriba, desafiando a gravidade en espazos estreitos. Esta acción é a mesma que permite ás raíces dunha planta transportar a auga ata as follas.


   

 

 

Tendes todas as imaxes na Galería da páxina web do centro!

29.11.20

O mar lava a cabeleira

Marco García envíanos este vídeo recitando o poema O mar lava a cabeleira, recollido no poemario As señoras cousas de Helena Villar Janeiro, un dos libros que temos este ano no Plan Lector de Centro para a aula de 2º de primaria. 

Fixéchelo xenial Marco. Moitas grazas por este agasallo. 

Bicos e apertas dos teus compañeiros/as. 



27.11.20

Laboratorio experimental_2º Primaria

O mes de novembro celebramos o mes da Ciencia en galego. O alumnado de 2º de primaria, aproveitando que na área de Ciencias da Natureza estamos aprendendo sobre O CORPO HUMANO fixemos un experimento sobre o funcionamento do Aparato Respiratorio chamado A BOTELLA QUE RESPIRA. 

Seguimos o método científico partindo dun problema inicial: porque se inchan e desinchan os dous globos que temos dentro da botella?

Seguidamente plantexamos unha serie de hipóteses e fixemos o noso experimento. 

Velaquí algunha das imaxes deste laboratorio. 

Podedes ver máis imaxes na galería da páxina web do noso centro. 

IMAXES

 







20.11.20

Día Internacional dos Dereitos da Infancia_ O dereito á educación

Hoxe, 20 de Novembro, celébrase o Día Internacional dos Dereitos da Infancia, por iso, dende o CEIP Milladoiro queremos reivindicar o Dereito a unha Educación en Igualdade e de Calidade para todos e todas, e darlle así voz a tod@s os que non a teñen.


11.11.20

Outono de palabras, outono de pictogramas

Hoxe, o alumnado de 2º de Primaria,  fomos colocar a nosa folla de palabras e pictogramas á árbore colectiva que temos diante da nosa Biblioteca Escolar. 

Outono de palabras, outono de pictogramas é unha das actividades propostas polo Equipo de Biblioteca e Normalización Lingüística. 








10.11.20

Aula de cociña_2º Primaria

Na mañá de hoxe visitamos a aula ou laboratorio de cociña. Desta vez coa idea de facer un sabroso e saudable smoothie (ou batido) con mazás e noces. 

Desfrutamos moito do proceso, traballando por equipos, aínda que o resultado non fose tan bó como esperábamos. Fallounos a máquina que usamos. A batedora non era a axeitada e o noso smoothie non quedou tan cremoso e diluido como quixéramos. 

Teremos que probar outro día con outra receita. De seguro que nos sairá moito mellor!




5.11.20

1º de EP - O noso corpo

Boas a todos e a todas!

En Ciencias da Natureza levamos traballando dende principios de curso arredor da saúde (alimentación, rutinas saudábeis...) e do noso corpo. Estes días comezamos coas partes do corpo humano, da cara, os sentidos... e comezamos a elaborar o noso lapbook sobre este tema. Pouco a pouco irémolo enchendo con todo o que temos dentro: ósos, articulacións, músculos... 

Aquí vos quedan unhas imaxes!