30.4.20

Día do Libro...en familia!

Aquí están as imaxes das familias lendo na casa como complemento ás actividades que propuxemos para celebrar o Día do Libro 2020.

Esta data que é tan nosa e na que disfrutamos sempre de compartir lecturas, este ano foi... diferente.
Pero non deixamos de ler!

Grazas por compartir con nós unha parte da vosa intimidade e abrirnos unha fiestra as vosas casas.

 

23.4.20

Feliz Día do Libro 2020

23.4.2020 


  2.4.2020 

GRAZAS pícaros/as e familias pola vosa colaboración  para que puidesemos crear este fermoso video celebrando o Día do Libro Infantil e Xuvenil (LIX).
Con todo o noso cariño para VÓS, Susana e Fátima.

22.4.20

Día do Libro 2020

O vindeiro xoves 23 celebraráse o Día Internacional do Libro. Ese que daba comezo ao noso Mes das Letras. Lembrades o ano pasado cando enchimos Malpica de Libros e carabeis? E outros anos coa actividade de Padriños e madriñas lectores?.... Pois este ano imos tamén celebrar. Doutro xeito, si. Pero imos celebrar! Velaí a nosa proposta:
Imos comezar nós, os profes, agasallandovos un video con fotos nosas nas nosas casas lendo e... facendo outras cousas. Porque queremos que nos vexades e saibades de nós e dicirvos que VOLVEREMOS ABRAZARNOS! E, despois, tocarávos a vós. Fixádevos que as actividades teñen data final. Animádevos! Temos ganas de vervos! E de ver os vosos traballos que sempre, sempre consiguen sorprendernos. As fotos podedes envialas polas canles que xa tendes establecidas con cada profe, ou ao correo de Leo (bemilladoiro@gmail.com) Pensade que, agora, anque non é doado, todos estamos facendo algo moi importante: coidarnos e coidar dos demáis. Así que....
Queda na casa
...lendo!
Agardamos as vosas fotos!

19.4.20

Carta ás familias. Instrucións terceiro trimestre

Queridas familias:
O pasado venres, ás sete e media da tarde chegou ao correo do centro unha comunicación do noso inspector. Nela, sen outro contido,  achegaba as orientacións provisionais para o desenvolvemento do 3º trimestre do curso 2019-2020. Premendo enriba del podedes lelo directamente na páxina da xunta de primeira man.

Nas devanditas orientacións non hai nada novo para nós: a avaliación farase continua (tal e como figura na lexislación vixente e nunca foi doutra maneira), a repetición de curso será algo excepcional (xa ten esa consideración na lexislación vixente)…

No final do curso, o profesorado emitirá un informe de cada escolar (exactamente como se viña facendo ata o momento porque así o contempla a lexislación vixente).

Tal e como se indicaba nas anteriores instrucións para o confinamento: as actividades que se propoñan ao alumnado serán de recuperación, repaso e reforzo do traballado presencialmente. As tarefas serán globalizadas, interdisciplinares e integradas…. Ben sabedes que así é como estamos traballando desde o comezo.

Lido o texto quédannos preguntas. Moitas preguntas. Para as que non temos respostas.

Agardamos da nosa Consellería que, en cumprimento das competencias que lle outorga o Estatuto de Autonomía de Galicia, tome as decisións necesarias para guiarnos claramente cara un fin de curso nas mellores condicións posibles.

Lede o documento. Iso é todo. Sabemos o mesmo ca vós.

Xa sabemos que vos gustaría ter certezas e seguridades. Tamén a nós.

Agardamos todos polas indicacións da Sra. Conselleira.

Indicacións que vos achegaremos en canto obren no noso poder.

Mentres tanto: apertas, azos e saúde.
A Dirección.

15.4.20

Pautas confinamento

Ola familias, compartimos unhas pautas de afrontamento para reducir o impacto psicolóxico do confinamento. Esperemos que vos axuden, ánimo e forza!

14.4.20

Inicio 3º trimestre

Carta da dirección do CEIP Milladoiro ás familias, redactada o domingo 12 de abril de 2020 e publicada o mesmo día na web do centro.



Queridas familias: agardamos que todos gocedes de boa saúde. 
Como ben sabedes, o vindeiro martes 14 de abril comeza o terceiro trimestre do presente curso 2019/20. E reanudaremos a actividade académica, propiamente dita, con todo o noso alumnado.
Sabemos o difícil que está a ser facer escola sen estar na escola Sabemos que os nenos e as nenas necesitan o ambiente motivador das aulas para seguir aprendendo…  e que esta situación énchenos de incertezas e inseguridades porque temos máis preguntas que respostas.
Pero tamén sabemos que somos xente afouta e que neste momento o realmente importante é conservar intacta a esperanza, o ánimo e os vínculos que nos enlazan sexan estes familiares, profesionais ou simplemente… de afecto. Empregar o tempo en fortalecelos será un capital que levaremos con nós toda a vida. Sobre todo os nenos e as nenas.
A Consellería, que en todo este período non se caracterizou por manternos informados, segue na súa líña. De maneira que, hoxe domingo, non temos directrices para o desenvolvemento profesional do noso labor.
Sabemos que o vindeiro mércores haberá unha reunión sectorial da Ministra Celaa cos conselleiros das disferentes CC.AA. e pode ser que os seus acordos sexan trasladados a Galicia polas nosas autoridades educativas. Pode. En calquera caso, terémosvos informados.
De momento: o martes o profesorado colgará novas tarefas primando contidos procedimentais e actitudinais sobre os conceptuais.
Tende a seguridade de que vos estamos a trasladar puntualmente canta información nos chega das autoridades educativas e así o seguiremos a facer.
Apertas, azos, saúde e moita esperanza!
A Dirección

2.4.20

Dia do Libro Infantil

Ola pícaros/as e familias!
Hoxe celebramos o Día do Libro Infantil!
E para celebralo queremos convidarvos a que nos enviedes imaxes ao correo do blogue co voso libro favorito.
Comezamos nós, as titoras, para animarvos a enviarnos esas imaxes nas que poidamos vervos, xa que vos botamos moito de menos (que non falten os sorrisos nesas imaxes)
Eleximos os libros que contamos para Radio Balea dentro do programa Que me contas? Contos de Leo: Pilú Pilú e Crocodilo namorado.
ANIMÁDEVOS, QUEREMOS VERVOS! 

Gianni Rodari e proposta literaria

Este Día do Libro Infantil está dedicado a un dos nosos autores de cabeceira: Gianni Rodari.

Sabemos que nos chega esta celebración nun momento de moita incerteza pero... as dificultades pódense convertir tamén en oportunidades e foi moito o que Rodari nos ensinou sobre como xogar coas palabras e a imaxinación.

E moitas das súas propostas son moi acaídas para facer en familia. Por exemplo calquera das propostas que nos fai na Gramática da fantasía algunhas das cales entresaca a prestixiosa Revista Babar

Que tal un binomio fantástico?
Escolle dúas palabras ao azar. Podes, mesmo abrir o diccionario ao chou un par de veces e sinalar co dedo... onde caia!.

Unha vez escollidas.... pensa: onde? como? con quen? que? como remata? Agora, escríbeo!
Ademáis de divertirte moito (sobre todo se escapas do realismo e acudes ao non sense ou literatura do absurdo) seguirás enchendo o teu Caderno de Confinamento
 Ah! Que non o comezaches aínda? Pois.... a que agardas para facelo?