11.6.21

1° e 2° de EP - Praia de Canido

Boas a todos e a todas!
Hoxe o alumnado de 1° e 2° de Educación Primaria visitamos a praia de Canido para gozar dunha xornada de xogos ao aire libre, aproveitando así os recursos naturais da nosa contorna. 
Durante a estancia na praia merendamos e realizamos xogos en equipo e xogos de cooperación dirixidos por Borja, mestre de Educación Física, e o apoio das dúas titoras.

Pica na fotografía para ver máis imaxes.

8.6.21

1° EP - Día Mundial dos Océanos

Boas a todos e a todas!
Hoxe visitamos o Centro Cívico para realizar unha actividade relacionada co Día Mundial dos Océanos (8 de xuño). 
Comezamos facendo unha actividade reflexiva e artística onde o alumnado tiña que plasmar nun debuxo como se imaxinaba o fondo mariño dentro de moitos anos (especies novas, lixo, mascarillas, plásticos...). Unha vez rematada, pasamos a ver unha proxección audiovisual onde nos mostraban moitas especies mariñas da nosa costa, unhas coñecidas e outras non: centolas, polbos, lubrigantes, cabaliños de mar, peixe rei, cenoria de mar, faneca brava, nudibranquios, peixe trompeta...
Para rematar a visita pasamos a ver a exposición fotográfica sobre estas especies.

Pica na fotografía para ver máis imaxes

7.6.21

Proxecto As Plantas_2º de Primaria

 O pasado 5 de xuño conmemorouse o Día do Medio Ambiente polo que a aula de 2º queremos amosarvos como foi medrando o noso proxecto de aula sobre as plantas.

Iniciamos este proxecto polo mes de marzo plantando unha variedade de sementes: xirasois, flores, lentellas…Fomos observando a súa evolución durante a xerminación e crecemento de cada planta anotando nunha plantilla os cambios observados (crecemento do talo, saída de follas ou flores no caso dos xirasois).

Durante o proceso e a pesares do seus contínuos coidados,  tivemos algún que outro problema. Algunhas das plantas enfermaron por causa dun minúsculo bicho e tivemos que tratalas cun produto específico e outras morreron. Cas que foron sobrevivindo fomos trasplantándoas a outras macetas máis grandes, reutilizando envases de plástico.

Achegándose o Día do Medio ambiente aproveitamos estes envases para decoralos con redes de pesca, cunchas e figuriñas que fixemos nos mesmos e algunhas delas forman parte da exposición colectiva do cole.

Foi un proxecto moi motivador e ilusionante que podedes ver no álbum de imaxes que vos presentamos a continuación.



2.6.21

2º_Sesión formativa con SOGAMA

 

Hoxe o alumnado de 2º e 3º de Primaria asistiron, na nosa Biblioteca, a unha sesión formativa sobre separación de residuos desenvolta por Cristina, persoal de SOGAMA, que xa nos visitou o curso pasado cando participamos no programa de educación ambiental Recíclate con SOGAMA canalizado a través do Plan Proxecta da Consellería de Educación.

Asentaron contidos, xa tratados curricularmente, arredor da necesidade das 3R: Reducir, Reciclar e Reutilizar; e coñeceron unha cuarta R: Recuperación enerxética, aportación que realiza SOGAMA transformando, de forma limpa e respectuosa co medio, a parte non reciclable en enerxía eléctrica.

Premendo na primeira imaxe accederedes ao álbum de fotos da sesión.

Agradecemos ao Concello esta actividade que nos ofertou dentro do seu plan de incorporación ao programa de compostaxe doméstico liderado por SOGAMA.