Música

7. PIANO VIRTUAL
Nesta actividade propóñovos que exploredes diferentes audicións a través dun piano virtual no que poderedes ver e escoitar como son reproducidas diferentes obras clásicas do seu catálogo. Atópase na seguinte ligazón:


Na parte de arriba da páxina veredes os controis do reprodutor e o tempo restante da audición. Xusto á súa dereita veredes o compositor e a obra seleccionada, a cal comezará a soar ao darlle ao botón de reprodución. Se queredes cambiar de obra ou de compositor, simplemente clicade sobre o seu nome e así accederedes ao catálogo completo, onde poderedes explorar obras de diferentes autores. Atoparedes, entre moitos outros, a  Mozart, Chopin ou Bach. Tamén poderedes escoitar obras de Beethoven, compositor do que se cumpren 250 anos do seu nacemento neste 2020.

Ademais de escoitar música, neste piano virtual tamén teredes a posibilidade de probar a facer as vosas propias melodías clicando sobre as teclas.


6. SONS DA NATUREZA
Esta semana déixovos unha ligazón na que poderedes escoitar diversos sons da natureza. Propoño as seguintes actividades:
-Escoitar os sons.
-Debuxar a paisaxe que che inspiren eses sons (podes utilizar todos ou só algúns).





5. POEMAS GALEGOS MUSICADOS: ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO
Esta semana propóñovos que escoitedes e cantedes a canción “Un bico porque si” sobre un poema de Antonio García Teijeiro. Anímovos a que vos gravedes e me enviedes un arquivo de audio cantando unha parte da canción.
Esta é a ligazón:

E esta é a letra da canción:
Un bico porque si

Un bico porque non
Un bico coma o lume
Un bico corazón
Un bico porque re
Un bico porque do
Un bico porque la
Un bico porque sol
Un bico do re mi
Un bico acordeón
Un bico do si fa
Un bico percusión
Un bico porque si
Un bico porque non


4. VISITA AO MUSEO VIRTUAL DE INSTRUMENTOS DE URUEÑA
En Urueña, un fermoso pobo de Valladolid, atópanse dous museos relacionados cos instrumentos da música popular de diferentes tradicións. Estes museos son a Fundación Joaquín Díaz e o Museo da Música (o cal recolle a colección de Luis Delgado).
Na páxina Instrumentos Musicales en los Museos de Urueña temos a oportunidade de ver e escoitar os instrumentos expostos nos dous museos mencionados. Toda unha aventura musical! Propóñovos o seguinte:
  • Explorade a páxina e curioseade os diferentes instrumentos que aparecen. Se facedes clic nun instrumento, aparecerá unha páxina coa súa información e fotografías. Abaixo de todo (nesa páxina que se abre) veredes unha icona que di “Archivo sonoro”: picade aí e poderedes escoitar o seu son.
  • Nun folio poñede por escrito o nome do voso instrumento favorito da páxina e facede un debuxo do mesmo.

Para entrar na páxina dos museos, facede clic nesta imaxe:






3. CANCIONEIRO DO CONFINAMENTO

Nesta actividade propóñovos que reunamos e compartamos as cancións que máis vos animan nestes días de confinamento.
-Escollede unha canción.
-Propoño que escribades nun folio o seguinte: título da canción, intérprete e autor ou autora. Ademais, se queredes, podedes escribir unha parte da letra da canción (a que máis vos guste).
-Podedes engadir unha ilustración.
-Para quen se anime: podédesvos gravar cantando a canción (ou un fragmento) e enviarnos o arquivo de audio.



2. CHEGAN OS PRIMEIROS INSTRUMENTOS!

Nesta presentación podedes ver os traballos que xa realizaron algúns dos vosos compañeiros e compañeiras. Continuarei publicando as novas fotografías que me enviedes, así que vos animo a que creedes o voso instrumento se aínda non o fixestes. 



Radio Picariña 

Picando na imaxe accederedes a ela. Música infantil galega!





1. CONSTRUCIÓN DE INSTRUMENTOS CON MATERIAL DE REFUGALLO

Ola! Espero que esteades levando estes días o mellor posible. Para que non se adormeza a vosa creatividade (que xa sei que tedes moita), propóñovos esta actividade de construción de instrumentos.

Podedes utilizar materiais como caixas de cartón, botellas de plástico (de auga, deterxente...), latas, tapóns, papel de periódico ou revistas, tubos de cartón (de papel hixiénico, papel de cociña...), gomas elásticas usadas, vasos de iogur, bolígrafos e rotuladores gastados, etc. O que se vos ocorra! Trátase de buscar por casa e explorar as posibilidades sonoras dos diferentes obxectos.

O resultado pode ser un instrumento parecido a algún que xa exista ou unha creación totalmente orixinal (non vos esquezades de inventarlle un nome).

Anímovos a que recollades por escrito algúns aspectos:
- Nome do instrumento.
- Materiais que empregastes.
- Como o construístes.
- Como se produce o son e como se toca.

Encantaríame ver as vosas creacións! Podedes sacarlle unha foto ao instrumento ou gravar un vídeo no que se vexa como o tocades e enviarmo ao correo electrónico charo.titora.sexto@gmail.com.

Aquí vos deixo algúns exemplos por se vos serven de inspiración:


Animádevos!

Unha aperta.

Charo.