Amosando publicacións coa etiqueta Mes da Ciencia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mes da Ciencia. Amosar todas as publicacións

23.11.24

2ºA_Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas

Deseño de Fátima Romero Olveira

Ao longo do mes de novembro, Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas, informámonos para chegar ao coñecemento e Leo, a nosa serea lectora, animounos a experimentar e tratar o método científico.

O presente produto audiovisual é un resumo das actividades que desenvolvemos dentro da tarefa integrada: "O noso universo", un universo repleto de galaxias únicas e diferentes.

A exposición final inclúe a información, varios produtos finais, os materiais necesarios para que @s compañeir@s do cole experimenten e as maquetas que creamos coas nosas familias, que son do máis diversas e creativas. 

A visita a Casa das Ciencias de A Coruña foi o broche final da tarefa integrada, visita do máis vivencial e divertida. Premendo na seguinte imaxe accederedes ao álbum de fotos da visita.

Só nos queda que as familias visiten a nosa exposición final, a cal axudaron a crear, pero iso será a finais de trimestre: visita e recollida de todos os produtos creados. 

Feliz Mes da Ciencia na nosa lingua!

22.11.24

1º-2º-3º_Saída Casa das Ciencias

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos, que inclúe vídeo

Rematamos a semana visitando a Casa das Ciencias de A Coruña para experimentar, vivenciar e complementar as tarefas integradas implementadas ao longo do mes de novembro: Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas.

Unha visita que foi todo un éxito, desde a primeira á última planta, onde visualizamos no seu planetario unha produción audiovisual que nos levou da man de dous pequenos esquíos a coñecer diversos planetas e vimos o nacemento dun pitiño que loitaba por saír do ovo... cun pouquiño de axuda do exterior (ver vídeo na galería de imaxes da saída)

Esperamos volver da man das nosas familias, pois hai máis producións audiovisuais no seu planetario e dúas sesións especiais en directo, totalmente gratuítas, os últimos sábados do mes.

Feliz Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas!

21.11.24

Experimentando!_2ºB/3º EP

Novembro é o mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas e o noso colexio converteuse nun gran laboratorio.  

O alumnado de 2ºB/3º preparou varios experimentos que vos amosamos a continuación. 

Partindo dos coñecementos que fomos adquirindo na área de Ciencias da Natureza sobre a materia, disolucións e mesturas preparamos unhas PIRULETAS DE CRISTAL. 

Ademáis, co tema da enerxía, animámonos a facer unha BATERÍA CON LIMÓNS que fose capaz de alumear unha pequena luz led. 

Podedes ver máis imaxes  do proceso clicando neste enlace: Experimentos 2ºB/3º