14.4.12

"Cuentos para jugar"

Xa contamos con  "Cuentos para jugar" de Gianni Rodari entre os nosos recursos.
Na pestana superior "Contos" engadín o enlace para poder seguir gozando dos contos de Rodari.
Entre eles está "El flautista y los automóviles", o cal nos serviu de exemplo para realizar os nosos contos ao revés.
A seguir gozando dos contos do gran Rodari!!!



23.3.12

Máis recursos

O listado de recursos que podedes atopar picando na barra superior vai aumentando día a día.
Agradecemos a aportación de Leo: o diccionario visual interactivo, o cal xa está incluído nos recursos de 1º e 2º coma unha ferramenta moi útil para mellorar o noso vocabulario e polo tanto a nosa expresión oral e escrita.
Como novos recursos engadidos en Contos destacar:
  • Poemitas de Carmen Gil Martínez a autora dos poemas que xa vimos, e tanto nos gustaron, "David y el Madrid" e "Simona y el Barcelona"; así coma tamén escribiu o conto "A princesa que bocexaba a todas horas" da editorial OQO.
  • Mortadelo e Filemón. Unha tira semanal para partirse de risa!!!
  • "Cuentos y leyendas" ilustrados por nenos.
E moitos máis, para que aprendamos de maneira lúdica e motivadora.

22.3.12

Diccionario Visual Interactivo


Mirade que cousiña tan xeitosa! Trátase dun diccionario visual e interactivo galego-castelán-inglés. É de total confianza pois está feito desde a Consellería de Educación e, en principio, pensado para quenes veñen de fora para Galicia pero eu estou segura de que a nós tamén nos ven moi ben.

Na parte inferior ten un menú no que podes escoller como queres buscar ou que palabras queres aprender, ou xogar con el por ver cantas palabras sabes, como se pronuncian correctamente... A min pareceume útil e divertido.
¿Xogamos?
(Pincha sobre esas palabras que aparecen de outra cor)

3.3.12

Os nosos traballos I

Unha primeira entrega dos traballos que estamos a realizar ao longo do curso en torno ao conto popular "O frautista de Hamelín".
Contamos cunha pequena exposición dos nosos traballos a pé de aula, co fin de compartila con  tod@s @s compañeir@s do cole.
Neste traballo contamos coa axuda das nosas familias, que se esmeraron moito en que o frautista lucira así de guapo.


"Entroido de ratos"

O Entroido estivo cargado de contos populares e entre eles "O frautista de Hamelín".
Grazas a profe Sandra por guiar tan ben aos ratiños coa súa frauta. Non os levou ao río, non, levounos ata a praia Area Maior de Malpica onde queimaron o farruco.

23.12.11

BO NADAL!!!

Panxoliña de Nadal

Rematamos o 1º Trimestre por todo o alto: obradoiros, panxoliñas e comida navideña.
Sen esquecer que o martes visitáronnos os Reis Magos: Melchor, Gaspar e Baltasar, aos cales lles entregamos as nosas cartas (as fotos podedes velas picando aquí: Biblioteca do Milladoiro).
E agora, a gozar dunha fermosa panxoliña cantada polos pícar@s de 2ºA coa compaña de "Ratimago".

4.12.11

Ecomuseo Forno do Forte

O Ecomuseo Forno do Forte, situado en Buño, foi a nosa saída do 1º Trimestre.
Gozamos moito traballando co barro e Lola ensinounos a facer canoas e cestos.
Paco amosounos o museo e a olería típica de Buño (cuncas, escudelas, xerras, botixos, etc.).
Grazas Lola e Paco polo voso bo facer e pola vosa agarimosa acollida.



28.11.11

Érase unha vez un colexio...

Así comeza a presentación de Nadal, en formato dixital, que o CEIP Milladoiro remitiremos ao concurso convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Cada aula, conxugando a felicitación co conto clásico elexido, elabora un debuxo coa palabra que identifica o seu relato.
Como nós eleximos "O frautista de Hamelín" a nosa palabra é: MÚSICA.
Cada pícaro elaborou o seu propio debuxo e hoxe pola mañá xuntamos todas as ideas. Clasificamos os elementos que máis nos gustaron de cada debuxo e refundímolos nun só.
O resultado salta á vista: Hamelín, a montaña Poppenberg, o río Weser, o frautista, os ratos e a gran frauta que produce unha MÚSICA hipnotizadora.

13.11.11

Magosto 2011

Este Magosto puxémonos as botas!!! Vimos "La verdadera historia del Gato con Botas", comemos castañas a fartar e rematamos enzoufados ata as orellas. Mirade, mirade que limpiños comezamos o día e como rematamos!!! Gozamos moitísimo do Magosto!!!


3.11.11

"Samaín" de Mamá Cabra

Hoxe celebramos o SAMAÍN que noutros sitios lle chaman Halloween!!!
Os pícaros de 2ºA cantamos para espantar o medo nestas datas tan terroríficas e arrepiaaaanteeessss!!!


2.11.11

"O frautista de Hamelín"

"O frautista de Hamelín" é o conto escollido pola aula de 2ºA dentro do Proxecto Documental Integrado: "Cantos contos contas ti?"
Ao longo do curso faremos diferentes traballos para profundizar máis neste gran conto popular. En canto teñamos os primeiros traballos publicarémolos no blogue e no blogue adicado a este gran proxecto, que atoparedes na lista de blogues co nome: Cantos contos contas ti?
Na pestana superior "Contos" atoparedes un enlace para traballar o conto.
Mans á frauta que chegan os ratos a Hamelín e queda moito traballo por facer!!!

27.10.11

Canción "Samaín"

Co gallo da celebración do Samaín, a semana que vén, cantaremos na Biblioteca a canción de Mamá Cabra "Samaín".
Como quedan uns días de descanso por diante, antes de actuar, podedes practicala na casa.Todos a cantar e bailar que chega o Samaín!!!

24.10.11

Que me contas?

A semana pasada botamos en marcha un novo proxecto: Que me contas?
Coma a mestra non coñece todos os libros da biblioteca escolar, cada semana levamos un libro para casa co fin de lelo moi ben e reflexar o seu contido nunha pequena ficha; deste xeito axudamos á mestra e melloramos a nosa lectura e escritura.
Ao longo do curso iremos coñecendo moitos libros, pero o máis importante e que deixaremos voar a nosa imaxinación en cada unha das páxinas que vaiamos lendo. Como di a canción de Migallas "Imaxínate voando nunha pomba, imaxínate cruzando o ancho mar, imaxínate cun can saltando á comba, imaxínate nunha nave espacial!"

eeivagalume.blogia.com

1ª Semana da froita

Xa conseguimos o noso primeiro diploma por comer froita ao longo de toda a semana pasada. O luns tivemos uvas e mandarinas, o martes batido de plátano e laranxa, o mércores brochetas de froita variada, o xoves froitos secos e o venres macedonia. Vaia semana, como nos puxemos!!!
Aínda que non todas as froitas nos gustaban, fixemos un esforzo por probalas e así acadar o noso primeiro diploma.
Xa estamos desexando que chegue o 2º Trimestre para gozar doutra semana de froita, moita froita!!!