Este mércores fixemos unha saída a Casa do Queixo, un espazo privilexiado para aprender da natureza dun xeito vivencial.
Dende a nosa chegada, tiñan preparadas para nós varias actividades que nos permitiron descubrir moitas curiosidades sobre o mundo que nos rodea. Comezamos participando nun obradoiro de elaboración de queixo, onde puidemos coñecer de preto todo o proceso e converternos por un intre en auténticos artesáns e artesás.
Tamén participamos en diferentes xogos tradicionais, nos que puxemos a proba a nosa puntería. Entre todos eles, o maior reto foi o xogo da ra, que resultou máis complicado do que parecía!
Ao longo da mañá tamén aprendemos moito sobre os animais da nosa contorna e as pegadas que deixan ao seu paso. Entre moitas curiosidades, descubrimos o que son as egagrópilas, bólas formadas por pelo, ósos e outros restos que algunhas aves expulsan despois de alimentarse.
Un dos momentos máis agardados era a xincana de auga, pero non puidemos levala a cabo porque o tempo non nos acompañou. No seu canto, propuxéronnos realizar un roteiro pola contorna. Durante o percorrido ensináronnos que, observando os pequenos seres vivos que habitan nun río, podemos saber se está limpo ou contaminado. Mesmo tivemos a oportunidade de meternos nun pequeno regato para comprobar se atopabamos algún deles.
Finalizamos a xornada xogando un pouquiño no parque, poñendo o broche final a unha mañá chea de novas experiencias. Sen dúbida, un día para lembrar!

.jpeg)
.jpeg)
.jpeg)


Ningún comentario:
Publicar un comentario